sábado, 11 de octubre de 2008

De vísperas



Estado mental: De vísperas.
Estado anímico: Flan Dhul

¿Cantos quilos pesa un trimestre da miña vida?


Pouco máis podo escribir. As miñas neuronas deben estar tamén facendo as maletas, e tamén o meu sistema nervioso, dixestivo, sanguíneo, porque a sensación perpetua, desde que me levantei, é a de que levo conmigo un continuo frusfrús que case non me deixa escoitar, pensar, reaccionar, escribir.




A próxima vez que escriba aquí, espero que sexa desde unha confortable habitación da residencia, con internet, con orde, con descanso. A próxima vez que escriba aquí, espero que o frusfrús se convertise nunha nova enerxía. A enerxía que move os trens, a enerxía do café, do tic-tac, do cambio, do insomnio, dos soños, ya no sueña aquel niño que soñó que escribía...




Pero eu si que soño.

sábado, 4 de octubre de 2008

Con el objeto de ponderar la bondad o excelencia




O día 20 de outubro do ano 1900, un lector propoñía a seguinte cuestión no apartado de "Preguntas y Respuestas" da revista Por esos mundos:

¿Podría saberse el origen de la expresión adverbial "de buten", que se usa en el lenguaje familiar de Andalucía, con el objeto de ponderar la bondad o excelencia de alguna persona o cosa? .—F. B. D.

Estupefacta me quedei. E logo cremos que somos modernos, creativos, estrafalarios, rompedores. E xa o romperon todo hai máis dun século. E aínda por enriba, sen darse importancia. Que modernos os antigos, é que inquisitivos, que capacidade de sorpresa ante a propia lingua, ante a sociedade, ante os costumes. E que capacidade de autocrítica. Ler aqueles xornais de principios do século pasado aporta moitas sopresas. E unha inevitable comparación da que non saimos precisamente airosos nós, os lectores, falantes, cidadáns deste inicio de século.




miércoles, 1 de octubre de 2008

No sería buena idea...



Unha canción intrascendente e gamberra. Pero tamén, penso, romántica á súa maneira:



Púxoma Mati hai un ratiño. Espero que non fose con segundas... ;)

domingo, 28 de septiembre de 2008

Unha música sorprendentemente harmoniosa




Pasan os días aceleradamente. Pasa Málaga. A seguinte marca vermella no calendario luce intensa, expectante. Eléctrica, ilusionada, aterrada, colúmpiome de emoción en emoción según me dea o sol. Estou feita un xirasol de sentimentos, disculpando a cursilada. É que tamén me poño cursi según me dea. Ou pesimista, ou histérica ou segurísima das miñas posibilidades. E o que de día non me ocupa o pensamento, róubame o sono polas noites. Pero en cada impulso, en cada pulo, o columpio ascende máis. E máis me cargo de enerxías. Renxen as cadeas do columpio, sesgo o aire coa velocidade, bate forte o corazón. E todo remata compoñendo unha música sorprendentemente harmoniosa...





...whatever will be, will be.












domingo, 21 de septiembre de 2008

The Office



The Office é unha serie cruel e imprevisible.

Indecentemente divertida, caricaturiza as miserias das nosas rutinas dun xeito tan agudo, tan real, que no recoñecemento propio un non sabe se afundirse ou romper a rir. E sempre, invariablemente, triunfa a gargallada.

O indescriptible dos seus personaxes é a parte máis verosímil dos mesmos, encabezados por Michael Scott (un grandioso, apabullante Steve Carrell), probablemente o xefe máis patético de tódolos xefes posibles.









Cínica, aceda e escura, é sen embargo, tamén, sorprendentemente romántica, porque quizais a clave desta serie (e o que para min a fai superar á súa precedente, a The Office inglesa da BBC) sexa a segreda ternura coa que trata aos seus protagonistas.

Todos, no fondo, teñen unha dignidade que os fai nobles. Todos comparten algo que os salva, un mesmo xeito de supervivencia, que, nos tempos que corren, resulta altamente recomendable: o que os rescata do naufraxio é... o humor.









lunes, 8 de septiembre de 2008

O meu fogar en Madrid...


...en construcción.

Coma o futuro.

Con ventás estreitas, con andamios, ao lonxe e contra o ceo, coma o futuro. Só espero que estea rematado a tempo para min. Coma o futuro.





Madrid ten algo triste e apabullante. Pero ten tamén recunchos para salvarse, para respirar. Ten xente en perpetuo movemento. Ten o metro, onde me oriento con sorprendente fluidez, coma se toda a miña vida fose recorrendo corredores subterráneos en códigos de cores. Ten algunhas tendas tentadoras, restaurantes diferentes, ten cine, cine e cine.



E ten os lugares que cantan as cancións. E ten os lugares que eu pisarei, que eu cantarei para min algún día, no futuro....



Xa retiran os andamios. Xa recollen os escombros. Non queda nada para o futuro.








lunes, 25 de agosto de 2008

Vén ser todo a mesma....


É que xa se sabe que o espíritu dos coruñeses é intrépido e inquisitivo por natureza. Que cando menos o esperas se destapa, por un cidadán anónimo, sen ánimo de promocionarse e cun zoom altamente potente na cámara de vídeo, se detapa, dicía, un escándalo de proporcións tales que vaia, nin o Watergate, nin o peluquín de Bogart, nin o playback da ceremonia inaugural dos Xogos Olímpicos....

Ollo ao vídeo. Avisamos de que as seguintes imaxes poden ferir a sensibilidade dos espectadores, especialmente daqueles que nunca saben onde tirar o chicle, o kleenex, as cascas das noces, o pan reseso... ¿Orgánico ou inorgánico? E diría el, o protagonista deste vídeo... "¿E total que máis dará, si polvo somos y en polvo nos convertiremos?" Aí vai, para que logo digan que os galegos nunca se sabe se subimos ou baixamos:




Pois os coruñeses, simplemente, mesturamos. E diría el que total, por catro bolsas... Vén ser todo a mesma....










En fin. Que me pareceu moi divertida a nocturnidade e a alevosía, ou máis ben a absoluta pachorra, coma se fose algo case protocolario, coa que este basureiro executaba o proceso ecolóxico de recollida selectiva de basuras na Coruña. Era algo que practicamente tódolos coruñeses sospeitábamos, pero ese momento in fraganti in basurini, dalle a unha a alegría de pensar que aínda quedan sonoros escándalos por destapar. E eses interrogantes do titular da Voz... ¡Que momentazo!:

http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2008/08/25/00031219675432978400777.htm



Eu, de tódolos xeitos, seguirei reciclando, pero máis que nada por qué dirán os veciños.... Que teño veciños moi laretas...