miércoles, 2 de julio de 2008

O sal da terra




Aceite no lume. Pochar, saltear, fritir. O crepitar da cebola crúa. Que se transforma, que cristaliza. Cítricos, verduras, o que pinga, o que cruxe, o que se derrama, o que se consume. O arroz abre. A auga rompe. A ferver. Sazonar, especiar, mechar. A pimenta negra, o golpe da pimenta na madeira. As materias primas. O sal da terra. O rodillo, a báscula, o papel de forno. Unha manopla. As manoplas son graciosas e primitivamente protectoras. O que se come frío, o que se come quente. Por qué sopramos para enfriar unha sopa. A miga de pan, a codia, a fariña dun bolete. Prequentar o forno. A levadura é progreso. A levadura rompe os esquemas das cousas. Acelera, altera, tridimensiona a masa estéril. A cociña activa a materia. Forza aos ingredientes a transformarse. Obriga á emulsión. Pero con agarimo. E a cebola se rinde ao aceite quente, e a verdura abranda, e torna elástica. E todas cantan agardando o ingrediente estrela, asumindo ser secundarios pola carne, polo peixe. E os que foron vivos e agora son crús retornan a unha vida de músicas de aromas, de harmonías, de texturas. Hai tanta vida nun libro de cociña porque narra de forma precisa e ordenada máis de mil historias de transformación, de resurrección.

Simone Ortega morreu hoxe aos 89 anos. O seu histórico libro de cociña reinou na miña casa desde que podo lembralo, forradiño de branco por miña nai.

Nunca vira unha imaxe súa, e agora comprobo que ten cara de avoa francesa. Espléndida concertista de máis de mil concertos de transformación continua, cara un bocado gorentoso.

Ti descansa, Simone. A música segue.






3 comentarios:

  1. Mi madre siempre me reñía cuando era más joven porque no quería aprender a cocinar con ella y siempre me decía: "ya verás, cuando te cases no vas a saber hacer ni un huevo frito". El día de mi despedida de soltera mis amigas me regalaron el libro de las 1080 recetas y desde aquel día me convertí en una ama de casa-cocinera ejemplar. Como puedes ver, yo también tengo mucho que agradecerle a Simone. Bicos.

    ResponderEliminar
  2. Din que Simone Ortega vendeu ao longo dos anos máis de tres millóns de libros das 1080 receitas só en España (dá vértigo facer esta multiplicación millonaria).

    Grazas por esta loubanza que lle fas.
    Súmome a ela.
    Miña nai traballaba demasiado para ter tempo de ensinarme e meu pai tamén traballaba demasiado e só sabía facer patacas e ovos fritos.
    Simone era a amiga que ensinaba, sen enfadarse nunca, vestida de sopa de letras, a unha adolescente de dezaseis anos que quería "comerse" a vida sen atragantar a ninguén...

    ResponderEliminar
  3. Bonjour dende Strasbourg!
    A miña despensa neste momento é bastante limitada (latas, latas, latas, pasta, arroz... froita... latas...latas...), pero intentarei que bailen ou toquen algunha canción ;)

    Estou na terraza dun bar cool que se chama "jeannette et les cycleux", onde hai xente "guapa e simpática".
    Bicos!

    (Laura, bien sur)

    ResponderEliminar